A Xanela de GÁLIX. Antonio García Teijeiro.

Publicado por GÁLIX | 15.6.21 Deixa un comentario

 

Antonio García Teijeiro é escritor, poeta, profesor, crítico de literatura infantil e colaborador habitual en xornais e revistas de prestixio. Apoiou a GÁLIX dende a súa creación e foi membro da primeira directiva. 

Naceu en 1952 en Vigo, onde cursou os seus estudos e onde comezou a traballar como mestre; a Vigo e ao seu mar estivo sempre fondamente unido.

 

E ao meu maxín acoden as miñas lembranzas de cativo na praia de Samil. Era ben pequeno e teño gravada a imaxe dese primeiro medo ás ondas. De ficar paralizado diante da escuma que pousaba na area como intimidándome. Lembro tamén o meu pai levándome das mans mentres eu batuxaba na auga para aprender a nadar. Lembro botarme de cabeza na dársena do Náutico ou estar sentado nas rochas como agardando unha mensaxe dentro dunha botella que nunca cheguei a recibir. Ese é o meu mar de todos os día. García Teijeiro, A. (20 de decembro de 2020). O meu mar de todos os días. Faro de Vigo. Recuperado de https://www.farodevigo.es/estela/2020/12/20/o-meu-mar-dias-26510129.html

 

Fotografía de Anxo Cabada

O poeta é tamén un destacado deportista que foi xogador e logo adestrador de balonmán.

Como docente participou en movementos de renovación pedagóxica e colabora en actividades de formación do profesorado, obradoiros de creación literaria e animación á lectura e imparte charlas e conferencias. As súas obras Disfrutar escribindo. A narración e a poesía nas aulas (Galaxia),forman parte deste seu labor de apoio á formación de docentes.

Considerado un dos poetas máis significativos en lingua galega, dedicou a maior parte da súa obra á literatura infantil con máis de trinta poemarios.

Moitos dos seus poemas están recollidos en antoloxías galegas, en castelán e en catalán e tamén en Latinoamérica. 

Tamén podemos escoitar os seus versos musicados nas voces de grupos e músicos de dentro e fóra do país como Paco Ibáñez, Antón Seoane, Mamá Cabra, María Fumaça.

Toda a información pode ser consultada no blog do autor: Versos e Aloumiños, http://garciateijeiro.blogspot.com.es/

OBRA LIXG:

POESÍA INFANTIL:  

Coplas (Galaxia, 1988); Nenos (Galaxia, 1988); Aloumiños (Galaxia, 1988); Cacarabín, Cacarabón, en castelán Versos de auga (Edelvives, 1991); As catro estacións (Galaxia, 1991); Ventos (Xerais, 1992 ); Poemas do sol e da lúa, en Trazos, trozos e retrincos (Xunta de Galicia, 1992); Lueiro de papel (Xerais, 1995); Na fogueira dos versos (Xerais, 1996); Unha chea de aloumiños (Edelvives, 1998); A fala das pombas que falan (Xunta de Galicia, 1999); "As verbas que fan o camiño", en Imos xuntos camiñar (Xunta de Galicia, 1999); Cadernos de fume (Anaya,1999); Palabras envoltas en cancións (Galaxia2000); Aire sonoro (Ir Indo, 2001); ¡Ai, canto falan as pombas que falan! (Ir Indo, 2002); Paseniño Paseniño (Everest, 2003); "Bicos, bicos... e máis bicos", en Para cantar e contar (Xunta de Galicia, 2003); Bicos na voz / Besos en la voz (bilingüe, Deputación de Málaga, 2004 ); Cando caen as follas (Everest, 2006); Petando nas portas de Dylan (Galaxia, 2007); Á sombra do lueiro de papel (Everest, 2007); Un rato díxolle á lúa. Antoloxía poética (Xerais, 2013); Lendo lendas, digo versos (Xerais, 2015) en colaboración con Antonio Reigosa; Palabras do mar (Embora, 2015); Poemar o mar (Xerais ,2016); Vento, ventiño, venteiro (Xerais, 2019); Bicos e non balas (Galaxia, 2019)

e O que ven os ollos dos nenos (Xerais).

NARRATIVA INFANTIL:

A chave dos soños (Galaxia, 1988); A teima de Xan (Sotelo Blanco, 1991 e 2005); Antón e a paxariña de papel (Xunta de Galicia, 1991); O cabalo de cartón (Luis Vives, 1992); O monicreque de Alicia (Xunta de Galicia, 1992); Fantasía en re maior (Luis Vives, 1994); Ó outro lado da esquina (Bruño, 1996); Ladrándolle á lúa (Sotelo Blanco, 1997); "O carrusel", en E dixo o corvo (Xunta de Galicia, 1997); Sempre quenta o sol (Alfaguara, 1994); En voz baixa (Xerais,1998); Cara a un lugar sen nome (Sotelo Blanco, 1998); "Verbas de sal", en Un saquiño de contos (Xerais, 2001); Os peixes de cores (Xerais, 2002); Trala liña do horizonte (Edelvives/Tambre, 2002); "As lentes de John Lennon", en Postais do camiño (Galaxia, 2004); Honorato, o rato namorado (Xerais, 2007); Cos ollos na lúa (Everest, 2010); Verbas de sal (Xerais, 2011) A nena do parque (Embora, 2014); Raiolas de sol (Galaxia, 2016)
PREMIOS:

  • Premio Merlín 1996 por "Na fogueira dos versos"
  • Lista de Honra do IBBY, 1998, con "Na fogueira dos versos"
  • Premio Europeo Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua (Italia) 1998 concedido por un xurado internacional
  • Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil 2017 pola obra Poemar o mar
  • Lista de Honra do IBBY (2018) con Lendo lendas, digo versos, libro feito en colaboración con Antonio Reigosa
  • Varios dos seus libros foron incluídos nas listas de honra da CCEI e da revista CLIJ.
  • O seu libro Cacarabín, Cacarabón (en castelán Versos de agua) foi elixido entre "Los 100 del siglo XX" no VI Simposio de Literatura Infantil e Lectura da FGSR.
  • O seu libro Trala liña do horizonte foi elixido como libro asociado do "Fórum Barcelona 2004".
ACCESO



Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]