Este libro encantoume (febreiro 2021)

Publicado por GÁLIX | 2.2.21 Deixa un comentario

 

FEBREIBRO 2021


Recomendamos:
Mar de mazá de

Elvira Ribeiro Tobío

 

 

 

Mar de mazá de Elvira Ribeiro Tobío encantoume, en primeiro lugar, polas evocacións sinestésicas que desprende o título, que veu sendo a nao que me levou a vogar polo “marpalabras” da autora.

O poemario enmárcase cunha invitación e unha despedida; “Convite” (Se vés canda min / heiche de amosar / os segredos todos / que atesoura o mar) e “Maradeus” (Levaremos sempre, / sempre quedará, / o recendo intenso / do mar de mazá). Entre esas dúas referencias, achámonos vivindo unha completa singradura acompañados pola “cantiga das ondas”. Vogamos sobre un mar de “mil cores”, transitamos polo “mar calmo” e polo “mar bravo” –antagonismo contrapesado co paralelismo visual entre os dous poemas–, adentrámonos na ficción dos “7 mares”, aventurámonos a descubrir o tesouro da illa, participamos das ilusións da nena que quere ser pirata e dos soños do mariñeiro, vivimos a realidade cotiá da traballadora do mar, facemos carabelas libres con “cunchas anacaradas”, visitamos a illa de Mendiño

(Trouxéronme as ondas a San Simón), navegamos coa Penélope de Xohana Torres (e nós tamén navegar)... Neste particular universo mariño, a realidade xeográfica e social equilíbranse coa ficción literaria e a dimensión lúdica; cuns recursos formais que fan gala de riqueza métrica. Pareados, tríades, coplas, seguidillas, romances, cantiga de amigo..., todas de forte arraigo na nosa tradición literaria.

O infindo do mar e o infindo do sentir creativo compleméntanse co contrapunto do trazo en branco e negro de Begoña G. Arce, cunhas imaxes que permiten múltiples interpretacións, por conformárense con riscos que dan liberdade á imaxinación do lector. Un libro para deixarnos mollar polo salseiro do seu léxico e das súas ilustracións e para mergullarnos gozosos nas súas páxinas.

Xoán Babarro González


______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]