As
dez gatiñas viaxeiras, da autoría de Eva Mejuto (texto) e Víctor
Rivas (ilustración), é un álbum ilustrado para as primeiras
lecturas, pero non só. Nada máis abrir a primeira páxina
descubrimos que tanto o texto como as ilustracións buscan un público
que goce da lectura visual sen importar a idade. A quen lle gusten os
contos, a canción tradicional, as gatas, viaxar e, sobre todo, rir
vai encontrar neste volume a historia adecuada. Esa que nos narra as
aventuras e desventuras de dez gatiñas inquedas e algo rebuldeiras,
pero, ás veces, tamén un chisquiño desastrosas. Unha historia
universal, con base na tradición oral, que nos achega ás nosas
propias emocións con factores diversos e espazos moi próximos.
As
gatiñas van desaparecendo en circunstancias moi cómicas e ofrécenos
estratexias necesarias para enfrontar situacións complexas. O humor
é a ferramenta precisa para intrigarnos e querer pasar as páxinas
para continuar a viaxe a canda as gatiñas revoltosas. Ademais, as
ilustracións agasállannos unha lectura visual con mil universos por
descubrir en cada páxina.
É
moi recomendable non só o conto en si mesmo, senón tamén os mundos
referenciais que constrúen, no seu conxunto, unha narración coa que
riremos sen final e que nos presenta perspectivas interesantes para a
rapazada. Acompañemos as gatiñas viaxeiras nas súas andanzas
porque xa están á nosa espera para contalas e/ou cantalas!
Eli
Ríos
______________________________
GÁLIX
aporta cada mes unha
recensión feita por algún socio para a sección Este
libro encantoume da
OEPLI,
ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as
recomendacións das seccións
aquí,
na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no
noso blog (bota un
ollo na barra lateral!). Se queres colaborar
coas túas recensións para esta sección, non dubides en nos
contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]