Este libro encantoume (setembro 2019)

Publicado por GÁLIX | 6.9.19 Deixa un comentario


Setembro  2019

Recomendamos O que sei do silencio de Andrea Maceiras. Cuberta de

Antonio Seijas,




O que sei do silencio (2018) é o penúltimo libro de Andrea Maceiras (despois deste publicou outro: Conta nove estrelas, xa neste 2019). Andrea é unha escritora que comezou a publicar moi nova, con apenas vinte anos, o que explica que con apenas trinta este sexa xa o seu oitavo título. Ademais, é unha das poucas escritoras galegas que se dedica exclusivamente á novela xuvenil, pois todos os seus títulos (agás o último) poden encadrarse neste difícil xénero da literatura dirixida ao público adolescente.
Nese ámbito, Andrea gañou algúns dos premios máis importantes na nosa lingua, como o Meiga Moira, en dúas ocasións, e o Jules Verne, e foi finalista de varios máis. A maiores, Conta nove estrelas resultou gañador do premio Lazarillo 2018, o que indica o grao de conexión desta autora coa LIX nas súas diferentes categorías en función da idade. Precisamente este libro, O que sei do silencio, foi finalista do premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña en 2017.
Cal é a súa temática? O acoso escolar. Dito así, pode parecer que estamos ante outra novela máis que trata esta cuestión, que xa foi amplamente abordada na literatura xuvenil galega. Pero a orixinalidade desta achega vén da man do enfoque que Andrea Maceiras lle vai dar ao caso de acoso escolar que centra a historia. Non van ser os acosadores nin os acosados (neste caso, a acosada) quen sustenten a trama, senón a outra parte implicada: as testemuñas, os que ven e non fan nada.
Tamén hai orixinalidade no aspecto formal: a narración desenvólvese principalmente a través das entradas nun blog, do que tamén se nos mostran os comentarios dos lectores e lectoras. Esa axilidade no soporte empregado para trasladarlle a historia ao público lector é outro dos grandes acertos desta novela, que no fondo e mais na forma conecta cos gustos e intereses dos e das adolescentes.
En resumo, O que sei do silencio consegue algo certamente complicado: falar de algo do que xa se falou moitas veces, pero desde unha óptica singular, diferente, renovada.
O libro está especialmente pensado para o tramo medio da etapa xuvenil: catorce, quince, dezaseis anos..., sen que iso queira dicir, nin moito menos, que rapaces e rapazas doutras idades, e mesmo o público adulto, non poida desfrutar dunha historia que engancha polo fondo e pola forma.
Mención á parte merece a preciosa ilustración para a cuberta, de Antonio Seijas, en perfecta sintonía co contido da obra.
O que sei do silencio encantoume; Andrea Maceiras é unha das escritoras con maior proxección da nosa LIX, e este novo título non fai máis que confirmalo.

Héctor Cajaraville


______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.


Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]