Elixo este magnífico libro de poemas Os días lebre, digno de ser
comentado pola súa calidade literaria e plástica.
En xeral, un poemario debidamente ilustrado, adoita ter tres
lecturas:
Unha textual, a dos propios poemas. Outra visual, a das imaxes, e
unha terceira, a máis importante quizáis, a da lectura simultánea
do poema e da imaxe nun único contexto de espazo e tempo. Esa
ósmosis ou interrelación necesaria entre texto e imaxe fai que o
significado do poema acade dimensión e riqueza, tanto no discurso
metafórico e sinestésico, como no mnemotécnico ao aportar claves
visuais que favorecen a memorización.
En Os días lebre cúmprese esta premisa na súa práctica
totalidade. Podería elixir como testemuño do que acabo de dicir
calquera dos quince poemas que aparecen no libro. Adoitan facer gala
desa metáfora intelixente; da música das palabras espidas entre
signos ortográficos; do ritmo e da cadencia meditadas…

O poema Os verbos difíciles dinos:
… Os verbos difíciles
van en parellas.
Suxéitanse ao pasado,
polo que pode pasar
nun futuro perfecto,
tan perfecto,
tan futuro,
que xamais.
O xogo e o ritmo que acadan as palabras neste poema, transmiten ao
lector esa dimensión única propia da obra de arte. Esa capacidade
de ir máis alá do sensible. De emocionar…
O mesmo sucede co poema Lento:
…lento coma o vento
cando é alento.
lento coma a onda
cando é o mar.
E escoítoo,
e aliméntoo,
e lévoo a pasear.
E así podería seguir citando ritmos e músicas, e metáforas
intelixentes como significantes deste poemario de Clara López que,
que se ve medadro pola complicidade da imaxe.
En Os días lebre as ilustracións de Marcos Viso son, de seu,
poesía visual. Paralela e connotativa á súa vez co texto. Neste
contar gráfico, o ilustrador crea un personaxe feminino que vai
mudando de nena a avoa según os dictados do texto. Amósase sempre
de perfil. De canto. Avanzando na dirección da lectura, sobre un
camiño de cor verde desgastado. Raras veces mira atrás. Un ceo
areoso, e un mar, que pode ser río, ou auga en palangana, acompáñana
na viaxe
Esta nena, de grafía plana, casi transparente, é a protagonista
dunha historia lineal que comeza pola cuberta. Percorre todo o libro,
pero en cada poema fai unha parada. E mira. Procura esa metáfora,
tamén intelixente, que complemente a lectura do poema. Aínda así,
a historia que Marcos Viso conta, prosigue. Continúa ata o final
para rematar o libro nunha dobre páxina, coa nena deitada ao carón
do río mentras fala cun peixe:
…Os nosos ríos
son os días,
que van dar
ao amar.
Xosé Cobas