X Premio Manuel María de literatura dramática infantil para Paula Carballeira por "Somos os monstros"
Publicado por GÁLIX | 13.12.18
Deixa un comentario
O pasado domingo 2 de febreiro, no Culturgal, Paula Carballeira recibiu o X Premio Manuel María de literatura dramática infantil pola súa obra Somos os monstros.
Nesta décima edición, o xurado foi unánime na decisión de elixir
o seu texto como gañador, incidindo na súa “boa carpintaría
dramática, que posibilita un xogo escénico moi dinámico no que se
pode aproveitar moi ben o espazo e o tempo teatral, moi na liña
dos xogos infantís”. Así, os seus personaxes, situacións e
diálogos semellan de debuxo sinxelo, mais logran transmitir un
trasfondo potente e un universo simbólico suxestivo e interesante
para o espectador infantil e adolescente. A autora aborda aquí o
mundo dos monstros que, na súas palabras, “ás veces, moitas veces,
non son moi diferentes de nós cando nos miramos no espello”.
A autora de Maniños xa obtivera este premio na súa primeira convocatoria
en 2006 con Boas
noites e en 2011 con O
refugallo.
Paula Carballeira dedícase profesionalmente ao teatro e á
narración oral dende hai máis de vinte anos e é autora de
numerosos libros, principalmente de literatura infantil e xuvenil:
os devanditos O refugallo e Boas noites, Paco,
Correo urxente, Smara, A burra Ramona
ou Misterios, citando só algúns dos seus títulos
premiados. Membro da compañía Berrobambán desde 1996, a súa
traxectoria como directora e actriz desenvólvese tamén en
proxectos escénicos doutras compañías. Participou como convidada
en destacados festivais de narración oral, tanto a nivel estatal
como internacional, ademais de traballar en diferentes series e
espazos da TVG.
0 comentarios:
[Comentario blog]