xoves, 27 de setembro de 2018

15 Encontro Galego de Ilustración




A AGPI celebra o que este ano é o seu 15º Encontro Galego de Ilustración, un evento anual que ofrece unha morea de contidos e actividades de interese  tanto para profesionais como para o público xeral.  Acádanse con esta edición 15 anos dun encontro atractivo que xunta a convidados de relevancia international nun atractivo e completo programa.
O groso das actividades decorrerá na Unitaria (o venres 28) e no Auditorio de Galicia (o sábado 29) [Santiago de Compostela].
Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta, agás o obradoiro, que precisa dunha inscrición previa de 15 euros. 
Despois de 15 anos, o encontro busca agora dar un paso adiante como cita pioneira en Galicia para os profesionais e dos amantes da ilustración gráfica.
Aquí, todo o programa / Máis info

mércores, 26 de setembro de 2018

Presentación de Kalandraka TV




Mañá, xoves 27 de setembro ás 20:00 horas no Espazo Nemonon (Rúa Marqués de Riestra, 11) de PONTEVEDRA, os amigos e amigas de Kalandraka presentan nun acto aberto ao público o seu novo proxecto: KALANDRAKA TV. 

Aquí tes un vídeo de presentación deste interesante proxecto e máis información aquí.


martes, 11 de setembro de 2018

Novas da LIX


Velaquí unha presiña de novas da LIX frescas!



  • Do 30 de agosto ao 1 de setembro celebrouse en Atenas o 36º Congreso da IBBY. Nel, María Jesús Gil foi nomeada Socia de Honra. Lembra que podes ver todos os nominados da IBBY Honour List aquí.




luns, 10 de setembro de 2018

II Premio Internacional de Ilustración convocado por GÁLIX e o Concello de Pontevedra


Retomamos a actividade do blog neste recén inaugurado setembro cunha boa nova!

Xa esán publicadas as bases do II Premio Internacional de Ilustración convocado por GÁLIX e o Concello de Pontevedra.
Toda a información e as bases aquí
A finalidade deste certame é escoller a ilustración do cartel da XX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que se celebrará do 22 de marzo ao 12 de abril de 2019 e que terá a temática central de A REVOLUCIÓN!

Este premio ten unha dotación de 3.000 €.

Prazo de entrega: 10 de outubro de 2018

venres, 7 de setembro de 2018

Este libro encantoume (setembro 2018)


SETEMBRO, 2018

Recomendamos: Caderno de lúas, de María Canosa.

Unha nena de sete anos non pode durmir nunha noite de verán polo que decide saltar da cama na procura dun caderno en branco, agasallo dun amigo, para ocupar o tempo facendo debuxos. Intentando sacar as preocupacións a nena repara na lúa, e comeza a debuxala.
Tras unha conversa co seu avó, a súa paixón por saber máis pola lúa medra, e dende ese momento decide adicar ese caderno a facer unha “colección de lúas”. Durante todo o verán a nena vai anotando no seu caderno todos os seus descubrimentos sobre o satélite da Terra, acompañándoos de debuxos, fotografías e poemas.
En medio deste caderno de lúas, a modo de diario, a nena deixará plasmados tamén os seus pensamentos, os seus desexos, a súa curiosidade e sobre todo o seu amor e complicidade co seu avó.

María Canosa ofrécenos de novo unha fermosa historia cunha nena como protagonista, unha nena movida pola súa curiosidade, ganas de coñecer o mundo ca rodea e loitar para converterse cando sexa maior no que ela queira, xa sexa xornalista, astronauta ou a “primeira observadora de lúas”. Neste libro tamén  atopamos  outro tema recorrente para a escritora que é a relación da nena co seu avó, na que este vínculo interxeneracional serve como fonte de sabedoría e procura de diversión sendo aliados incondicionais.

O texto vai acompañado polo interesante traballo de Dani Padrón, que xa acompañara a María Canosa en varias ocasións. Neste libro Padrón adopta dous estilos, por unha banda temos unhas fermosa ilustracións fieis ao seu orixinal xeito de traballar que apoia o relato. E por outra banda, recrea as páxina deste caderno infantil, cos texto escritos e cos debuxos que a nena vai realizando co seu lapis azul durante o verán.

Mar García Pérez
 
                                   
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.