Recomendamos: Nunca mascotas, de Paula Carballeira.
Nunca mascotas encantoume porque é un libro de poesía cuxos protagonistas son os animais. Iso e moito máis. Paula Carballeira ofrécenos vinte e catro poemas, con múltiples niveis de lectura, que se converten en chamadas á reflexión sobre sobre a nosa relación co mundo animal do que, aínda que ás veces o esquezamos, tamén formamos parte.Que acontecería ao cederlle a voz aos animais cos que convivimos? Que nos dirían aqueles os que tememos, rexeitamos ou observamos a distancia? Estas preguntas, e outras moitas, activaranse coa lectura dunha obra que enfrontará o lectorado xuvenil, e tamén o adulto, á análise sobre as relacións entre seres humanos e animais.
Polas páxinas de Nunca mascotas corren ratas, voan andoriñas, choutan pulgas, zoan moscas... e nos apelan, libres e salvaxes, para que comecemos a ollalas doutro xeito. Por iso, trala lectura destes poemas a nosa ollada faise máis ampla e xa resulta imposíbel vernos –unhas a outros, outras a uns– tan diferentes.








0 comentarios:
[Comentario blog]