Adeus a Xohana Torres

Publicado por GÁLIX | 19.9.17 Deixa un comentario
Dende GÁLIX queremos sumarnos ao triste adeus á compañeira e escritora Xohana Torres. Déixamosvos a nosa derradeira aperta na forma destas palabras de Pilar Sampedro.
Foise a escritora no fin do verán e pola banda do solpor. Foise, facéndonos pensar no herdo que deixaba.
Imaxe de Editorial Galaxia
Volveu a súa poesía, narrativa, ensaio e teatro. Lembramos, de novo, as súas intervencións nunha radio que aínda non tiña nada de galega e na que ela introducía a lingua. Repetíronse, na voz das mulleres, os tres últimos versos dun poema imprescindible, que han facer seu os grupos minorizados ao longo da historia:
“Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
Eu tamén navegar.”
Nós, queremos lembrar a súa contribución á literatura infantoxuvenil galega e deixámosvos cun par dos seus libros: Polo mar van a sardiñas (o primeiro de autoría galega que se publica en Editores Asociados e se traduce ás outras linguas do Estado, un libro co que entra o mar na LIX galega acompañando a Pequeno Antón) e Pericles e a balea (de novo ese mar, polo que marcha o churreiro coa amiga Tálata e o can Argos).
Grazas, Xohana, tamén, por este compromiso!


Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]