Tras un merecido descanso (mesmo se puido facerse longo dende fóra!), volvemos á carga para traervos a actualidade da LIX. Así, pechamos setembro con algunhas das novas que non queremos que vos perdades e tamén con entrevistas moi interesantes a Ledicia Costas, Iria Misa e María Canosa. Arrancamos!
- Lista de Honra IBBY 2016: Neste enlace podes ver o vídeo co que se presentou a Lista de Honra do IBBY no 35º Congreso Anual do IBBY celebrado en Auckland, Nova Zelanda. Lembra que nesta lista temos o orgullo de atopar obras nosas como Escarlatina, a cociñeira defunta, a tradución de Bisa Bea, Bisa Bel feita por Ramón Nicolás ou Ícaro, de editorial Kalandraka.
- Clairvoyants, certame internacional: Durante o mes de setembro publicouse a convocatoria ao premio Clairvoyants, un certame internacional de álbum ilustrado infantil en inglés ou polaco.
- Centenario Roald Dahl: Sabías que o 13 de setembro se celebrou o centenario do nacemento do incrible autor Roald Dahl? Este escritor británico foi pai de moitos personaxes inesquecibles da literatura infantil e xuvenil como Charlie (o da fábrica de chocolate!), Matilda ou o Gran Xigante Amable... Coñece máis sobre as súas obras, se cadra atoparás a túa próxima lectura ;)
- Proxecto Interdisciplinar "Os Furabolos": Dende o 15 de setembro e ata o 15 de outubro, no vestíbulo da biblioteca Ánxel Casal de Santiago, pode visitarse esta exposición que acompaña á presentación do Proxecto Interdisciplinar Furabolos e a das novas obras do autor Carlos Labraña, Espantallo e O galo de Portugal camiño de Compostela, coas ilustracións, fotos das representacións, biografía e demais información sobre o proxecto.
- Guía dixital de lectura: A Secretaría Xeral de Cultura publicou en setembro 2 guías de lectura que poden ser do voso interese. A primeira é A lectura, unha chave de futuro, e é un proxecto de Letra en Obras, o portal educativo Botóns e da Xunta de Galicia. A segunda é a Guía de narrativa para prelectores e primeiros lectores, coeditada por ELOS-Galicia.
- Entrevista a Iria Misa en El Correo Gallego.
- Entrevista a María Canosa en Palavra Comum.
- Entrevista a Ledicia Costas no Faro de Vigo.
- Entrevista a Ledicia Costas na CRTVG.
0 comentarios:
[Comentario blog]