Mañá, día 5 de outubro, retómase o calendario de actividades da asociación Espazo Lectura.

Entre estas actividades, atópase o contacontos Contomar para nenos e nenas a partir de 3 anos coas súas familias, que inaugura mañá, día 5, a súa nova tempada na Biblioteca de Gondomar.
Dentro da programación infantil, o mércores 7 de outubro, a Casa da Lectura inicia tempada cunha sesión especial que correrá a cargo da actriz e contacontos Charo Pita, destinada a nenos e nenas a partir de 3 anos e ás súas familias.
Durante o mes de outubro comezarán tamén os diferentes clubes de lectura:
- O martes 6 ás 20.00h, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas, na que se comentará a novela As rapazas de Xan. O seu autor, Manuel Iglesias Turnes conversará na biblioteca coas persoas que queiran achegarse.
- O martes 20, ás 20.00h, na Biblioteca de Gondomar, arrancará a nova tempada o club de cómic Lecturas Debuxadas. O cómic que se vai comentar será Abastos (3 Pintamonas), e contaremos coa presenza dun dos seus autores, o debuxante Víctor Rivas.
- O sábado 24, ás 12.00 do mediodía, celebrarase a primeira sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo, para nenos e nenas de 7 a 11 anos e familia. O primeiro libro da nova tempada será Rubicundo, de María Canosa. A autora estará na Biblioteca de Gondomar para falar cos nenos e nenas que participen.
- Polo serán do sábado 24, ás 20.00h, celebrarase na Casa da Lectura o primeiro encontro da tempada do Comando Le, para rapaces e rapazas a partir de 12 anos.
0 comentarios:
[Comentario blog]